A Coruña reforza o seu posicionamento MICE coa chegada de MIS Internacional 2026 á cidade
A Coruña acolleu hai uns días no Club Cámara Noroeste a presentación de MIS Internacional 2026, unha cita de referencia para o sector MICE organizada por Grupo eventoplus xunto con A Coruña Convention Bureau, co apoio institucional da Axencia Turismo de Galicia e do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, e coa colaboración de Meliá Hotels International.
A xornada reuniu boa parte do ecosistema MICE da cidade —empresas, profesionais e institucións— nun encontro que evidenciou o compromiso conxunto por seguir posicionando A Coruña como destino de referencia para congresos, reunións e eventos corporativos.
O acto contou tamén coa presenza de Gonzalo Castro, concelleiro de Turismo da Coruña, quen puxo en valor o traballo do sector e a importancia de reforzar a colaboración entre a iniciativa pública e privada para consolidar a competitividade do destino no ámbito MICE.
Tras pasar por cidades como Sevilla, Barcelona, Marbella, Valencia ou Bilbao, MIS Internacional celebrará a súa próxima edición na Coruña co obxectivo de presentar o destino ante compradores internacionais e axencias especializadas na organización de eventos, congresos e incentivos.
O formato de MIS Internacional combina reunións profesionais con experiencias deseñadas para que os participantes vivan o destino en primeira persoa. A proposta vai máis alá da promoción tradicional: busca que os organizadores coñezan a cidade desde dentro, conecten coa súa cultura, a súa gastronomía e os seus espazos, e poidan experimentar a súa capacidade real como sede de eventos.
Durante a presentación, Grupo eventoplus explicou que o encontro reunirá a axencias e compradores procedentes de mercados clave para o turismo MICE, como Alemaña, Francia, Italia, Reino Unido, países nórdicos e Estados Unidos. O obxectivo é que estes profesionais descubran A Coruña como un destino idóneo para acoller futuros eventos a través dunha axenda que combinará reunións de traballo, networking e actividades experiencais.
Desde A Coruña Convention Bureau, a chegada de MIS Internacional 2026 enmárcase na estratexia de impulso do destino no mercado nacional e internacional, articulando a participación do tecido MICE local e proxectando unha imaxe sólida, coordinada e competitiva da cidade.
A xornada contou tamén coa intervención de Begoña Navarro, directora de Meliá Hotels International na Coruña, que destacou a renovación do hotel Meliá María Pita, sede central do evento, tras un proceso de reforma que incorpora novas habitacións, salas de reunión máis funcionais e unha renovada proposta de restauración. A concentración de participantes nun mesmo aloxamento reforzará ademais a dinámica de conexión profesional que caracteriza a MIS Internacional.
Un dos eixos clave do encontro foi a análise da evolución do sector. Grupo eventoplus subliñou que os eventos deixaron de ser accións puntuais para converterse en plataformas estratéxicas de conexión, comunicación e xeración de negocio. Nun contexto marcado pola saturación dixital, o contacto humano, a creatividade, a personalización e a experiencia consolídanse como elementos diferenciais.
Entre as principais tendencias destacadas atópanse o crecemento dos eventos experiencais, a diversificación de formatos, a incorporación de novos actores —desde administracións públicas ata marcas que crean os seus propios eventos— e a necesidade de que cada acción teña un retorno claro. Tamén se puxo o foco no papel da intelixencia artificial como ferramenta para optimizar procesos e mellorar a personalización, sen substituír o valor da creatividade humana.
MIS Internacional 2026 permitirá amosar A Coruña desde unha perspectiva integral. O programa previsto incluirá reunións profesionais e diversas actividades vinculadas ao destino, con propostas relacionadas coa cultura, a gastronomía, a contorna natural e espazos singulares da cidade. O obxectivo é xerar conexións reais entre compradores e provedores a través de experiencias compartidas.
A celebración desta cita supón un paso relevante para o ecosistema MICE coruñés e unha oportunidade para reforzar a colaboración público-privada, implicar o sector local e demostrar a capacidade do destino para competir nun mercado cada vez máis esixente.
Con MIS Internacional 2026, A Coruña avanza no seu obxectivo de consolidarse como un destino MICE de referencia: unha cidade capaz de ofrecer non só infraestruturas e servizos, senón experiencias que deixan pegada.
La información MICE de A Coruña en tu mail
Conoce todo lo que sucede en el mundo MICE de A Coruña, suscríbete a nuestro boletín.




