Ana Vázquez de Espazo Nature: “Cada vez vemos unha aposta máis clara por eventos máis experienciales, máis humanos e conectados co territorio”
Hoxe falamos con Ana Vázquez, cofundadora e directora de Experiencia de Cliente en Espazo Nature, un espazo situado en Razo que aposta por unha forma diferente de vivir os eventos corporativos, onde a natureza, o benestar e as experiencias auténticas forman parte da proposta. Nesta entrevista cóntanos como ve a evolución do sector MICE na Coruña, o potencial de Galicia como destino experiencial e a importancia de crear encontros máis humanos e conectados co entorno.
Por favor, preséntate e cóntanos sobre ti.
Son Ana Vázquez, cofundadora e directora de Experiencia de Cliente en Espazo Nature. Considérome unha persoa moi entusiasta e creativa, apaixonada polo deporte, o benestar integral e a conexión coa natureza. A danza forma parte do meu día a día e tamén desfruto moitísimo do mar e de todo o que transmite vivir preto del.
Razo sempre foi o meu lugar no mundo e, dalgunha maneira, Espazo nace precisamente desa conexión co entorno e das ganas de compartir unha forma de vivir máis pausada, consciente e conectada coa natureza con todas as persoas que nos visitan. Dentro do meu traballo, o que máis desfruto é deseñar experiencias con alma, coidar os pequenos detalles e crear espazos onde as persoas realmente poidan desconectar, inspirarse e sentirse cómodas. Creo que hoxe máis que nunca buscamos experiencias auténticas e iso é precisamente o que intentamos transmitir desde Espazo Nature.
Como ves o sector MICE da nosa cidade?
Creo que A Coruña está a vivir unha evolución moi interesante dentro do sector MICE. Cada vez vemos unha aposta máis clara por eventos máis experienciales, máis humanos e conectados co territorio, algo que encaixa perfectamente coas novas necesidades das empresas. O viaxeiro corporativo xa non busca unicamente unha sala de reunións; busca vivir o destino, xerar conexións reais e gozar de experiencias memorables. E aí A Coruña ten moitísimo que ofrecer. Ademais, Galicia en xeral está posicionándose cada vez mellor como destino de bleisure, combinando traballo e lecer, e iso abre moitas oportunidades para formatos híbridos onde o benestar, a gastronomía ou a natureza gañan protagonismo dentro dos eventos corporativos.
Que destacarías da cidade como destino de eventos, feiras ou congresos?
A Coruña ten un equilibrio moi atractivo entre infraestrutura, accesibilidade, gastronomía, contorno natural e calidade de vida. É unha cidade cómoda, próxima e moi agradable para quen vén pasar varios días por motivos profesionais. Todo está relativamente preto e iso facilita moitísimo a loxística dos eventos e mellora a experiencia do asistente. Tamén destacaría que ofrece algo moi valorado actualmente: autenticidade. O visitante pode gozar dunha gastronomía excepcional, do mar, da cultura galega e dun ritmo moito máis amable que o doutras grandes cidades. Ademais, creo que existe un gran potencial para seguir medrando en eventos vinculados ao benestar, á sustentabilidade, á innovación ou aos retiros corporativos, especialmente grazas a espazos singulares do contorno da Coruña e da Costa da Morte.
Que destacarías da túa empresa no seu traballo no día a día nos eventos MICE?
En Espazo Nature ofrecemos unha forma diferente de vivir os eventos corporativos e reunións de empresa. Contamos con espazos preparados para encontros profesionais, salas equipadas, restaurante propio e aloxamentos totalmente equipados, pero o noso verdadeiro valor diferencial é o contorno no que se desenvolve toda a experiencia.
Como ves o futuro do sector MICE na Coruña?
Estamos fronte ao Atlántico, rodeados de natureza, nun ambiente pensado para favorecer a desconexión, a inspiración e o benestar. Moitas empresas buscan precisamente saír do entorno convencional para xerar dinámicas máis creativas, fortalecer equipos e ofrecer experiencias cun valor engadido real. Ademais, traballamos cada proposta de forma moi personalizada, adaptándonos ás necesidades de cada grupo e combinando a parte profesional con experiencias complementarias como gastronomía, actividades wellness (ioga, pilates, surf…) ou experiencias para explorar o entorno (rutas de sendeirismo, rutas a cabalo…). E de cara a decembro de 2026 temos previsto inaugurar un novo edificio orientado principalmente a eventos MICE, retiros de benestar, vodas e eventos experienciales, o que nos permitirá ampliar a nosa capacidade e infraestrutura para seguir medrando nesta liña.
Creo que o futuro do sector MICE na Coruña pasa por seguir diferenciándose a través de eventos máis humanos, experienciales e conectados co benestar e o entorno. Cada vez máis empresas valoran non só a parte profesional do evento, senón tamén como se senten as persoas que forman parte del. Búscase coidar ao equipo, ofrecer destinos auténticos e cómodos, onde todo estea relativamente preto e a experiencia poida gozarse dunha forma máis pausada e enriquecedora. Xa non se trata unicamente de organizar reunións ou congresos, senón de crear experiencias que inspiren, xeren conexións reais e deixen pegada en quen as vive.
Coñecendo a Ava Vázquez Pardo
Que che inspirou a traballar neste sector e que segue motivándote día a día?
Aínda que somos relativamente novos dentro do sector MICE, desde o principio tivemos claro que queriamos crear algo diferente: un espazo onde as persoas puidesen parar, respirar e sentirse realmente ben. Razo sempre foi un lugar moi especial para min e Espazo nace precisamente desa conexión emocional co entorno e das ganas de compartir esa forma de vivir máis pausada e auténtica con quen nos visita. O que máis me motiva do meu traballo é o contacto coas persoas e a posibilidade de crear experiencias que realmente xeren recordos. Encántame ver como a xente chega co ritmo acelerado do día a día e, pouco a pouco, comeza a relaxarse, gozar do entorno e conectar doutra maneira consigo mesma e cos demais. Tamén me inspira moitísimo poder ensinar outra cara de Galicia: unha Galicia ligada ao mar, á natureza, á calma e ás experiencias auténticas.
Todos temos un lugar especial na cidade, cal é o teu e por qué?
Sen dúbida, Razo e Baldaio son o meu lugar no mundo. É onde desconecto, onde paseo cos meus cans e onde atopo esa calma que moitas veces custa manter no día a día. Encántame camiñar pola praia ao solpor, escoitar o mar e simplemente parar un momento. Creo que o océano ten algo moi especial: obrígache a baixar o ritmo e poñer as cousas en perspectiva. Na Coruña cidade tamén desfruto moitísimo paseando pola Mariña e a Cidade Vella, tomando algo preto do Porto ou visitando exposicións como as da Fundación MOP. E para un plan máis activo, encántame patinar polo paseo marítimo desde Riazor ata a Torre de Hércules.
Se puideses elixir calquera lugar do mundo para as túas vacacións ideais, onde sería e por qué?
Máis que un lugar concreto, o que realmente busco cando viaxo é descubrir novas formas de vivir e poder desconectar do ritmo diario, pero ao mesmo tempo reconectar con novas ideas, formas de benestar e maneiras distintas de entender a relación entre as persoas e o territorio. Atráenme especialmente as viaxes que combinan natureza, benestar, gastronomía e cultura local. O ano pasado, por exemplo, vivín unha viaxe moi especial coa miña irmá ás Azores, onde combinamos sendeirismo, ioga e praias naturais. Foi unha experiencia de desconexión total e de conexión profunda co entorno. Tamén gardo un recordo moi significativo dunha viaxe a Xapón coa miña parella, completamente distinta en cultura, gastronomía e sensibilidade, que nos achegou unha visión moi enriquecedora. Creo que iso é, precisamente, o máis valioso de viaxar: volver coa sensación de ter vivido algo transformador, que te inspira e che achega unha nova mirada tanto a nivel persoal como profesional.
Por último, hai algunha mensaxe ou consello que che gustaría compartir cos teus colegas do Convention Bureau e do sector MICE na Coruña?
Creo que temos unha oportunidade moi bonita para seguir posicionando A Coruña e Galicia como destinos MICE diferentes, onde o benestar, a sustentabilidade, a gastronomía e a conexión co entorno formen parte da experiencia. Ás veces non fai falta competir en tamaño, senón na capacidade de sorprender e ofrecer experiencias memorables. E creo sinceramente que o noso entorno, a nosa forma de vivir e a nosa hospitalidade teñen moitísimo potencial nese sentido.
La información MICE de A Coruña en tu mail
Conoce todo lo que sucede en el mundo MICE de A Coruña, suscríbete a nuestro boletín.




