David Sánchez | Pencil & Fork: “Amosamos un escaparate gastronómico da Coruña aos centos de turistas e visitantes que nos chegan e que o valoran coas máis altas valoracións”

Published On: 27 de Marzo de 2026Categories: Uncategorized

Dende Pencil & Fork, David Sánchez converteu a gastronomía nunha experiencia compartida que vai máis alá da cociña. O que comezou en Londres é hoxe un proxecto consolidado na Coruña, con vocación de expansión e un modelo que combina cultura, aprendizaxe e proximidade.

—Para quen aínda non coñeza Pencil & Fork, como definirías o voso concepto en poucas palabras?

—Gústanos chamalo espazo gastro cultural, xa que todos os nosos talleres e actividades inclúen a comida e a aprendizaxe, sexan de gastronomía, arte, manualidades ou idiomas. Tamén organizamos eventos de empresa e festas de amigos ou familia con catering incluído.

—Que fai diferente a vosa proposta dentro do sector das experiencias gastronómicas e corporativas?

—Os nosos eventos caracterízanse por ofrecer un espazo onde todo o mundo se sente como na casa, non só pola nosa atención próxima ao cliente, senón tamén por unha decoración moi acolledora. Ademais, dispoñemos de certos talleres e actividades para grupos máis reducidos, o que nos permite crear experiencias nas que o cliente se sente nun ambiente moi íntimo e participativo.

—Que papel xogou A Coruña no desenvolvemento e consolidación do voso modelo?

—A Coruña foi unha sorpresa moi positiva. Vindo de Londres, onde comezamos o proxecto de Pencil & Fork, tiñamos moita incerteza sobre se ía ou non funcionar. Durante estes catro anos estamos orgullosos de ter medrado cada ano e de obter o recoñecemento e a valoración non só das persoas coruñesas, senón tamén de xente de toda España e do ámbito internacional que nos visita cada ano.

—Como encaixa Pencil & Fork dentro do ecosistema de eventos, congresos e reunións que acolle a cidade?

—Dende que chegamos á Coruña, unha das nosas actividades estrela consiste en levar a visitantes (tanto estranxeiros como nacionais) á Praza de Lugo para mercar produto fresco que logo cociñamos xuntos en Pencil & Fork. Creo que amosamos un escaparate gastronómico da Coruña aos centos de turistas e visitantes que nos chegan e que o valoran coas máis altas valoracións. Moitos dos que nos visitan coinciden en que participan nunha experiencia de inmersión cultural a través da comida como poucas que viviron anteriormente. Na gran maioría das ocasións realizamos a experiencia en inglés, o que fai que as persoas estranxeiras se sintan aínda máis benvidas ao non haber barreira de idioma. Compartimos anécdotas, experiencias de viaxe, conversas culturais sobre o noso país e a nosa rexión, así como sobre as súas. Conseguimos unha conexión auténtica da que nós mesmos gozamos en cada taller.

—Estades iniciando unha colaboración cun obradoiro de chocolates en Barcelona. Como xorde esta alianza e en que consistirá ese intercambio de experiencias?

—Tiñamos previsto 2026 como o ano para buscar liñas de expansión e, no verán de 2025, apareceu a empresa Taller de Chocolate. Nun principio, só coa intención de traer os seus talleres a Pencil & Fork, pero cando coñeceron o modelo de negocio de Pencil & Fork, interesáronse por ver como poderiamos colaborar para levar Pencil & Fork a Barcelona. Xa temos implantados os talleres de chocolate na Coruña e comezamos a traballar para desenvolver Pencil & Fork en Barcelona como alianza.

—Que aprendizaxes ou novas oportunidades cres que pode xerar este intercambio tanto para o voso proxecto como para o posicionamento da Coruña como destino gastronómico? 

—Evidentemente, todo o que sexa potenciar a marca de Pencil & Fork con calidade interésanos. Ao mesmo tempo, queremos ser o centro de referencia na Coruña para as actividades que desenvolvemos.

—Tamén estades a traballar nun modelo replicable tipo franquía. En que punto se atopa actualmente ese desenvolvemento e como estades a estruturar ese crecemento?

—Actualmente temos pensados dous modelos de expansión: un a través de asociación con empresas do sector, como en Barcelona, e outro cun modelo sinxelo de franquía dirixido a emprendedores que vexan no noso modelo de negocio unha oportunidade para ter a súa propia empresa.

—Sinalastes o voso interese por cidades con tráfico de cruceiristas. Por que cres que o voso formato conecta especialmente con ese perfil de visitante?+

—Durante os meses de verán, o perfil dos clientes aumenta a visitantes e turistas. Actualmente, os cruceiristas supoñen unha porcentaxe importante da facturación durante este período.

-¿Qué requisitos debe cumplir una ciudad para que Pencil & Fork pueda implantarse con éxito en ella?

—O modelo de cidade da Coruña é o que utilizaremos para buscar alianzas noutras cidades. Hai cidades como Vigo, Málaga ou Valencia que están na miña axenda de cidades a explorar. 

—Cales son os aspectos máis positivos do voso negocio de cara a ser franquiciado?

—En primeiro lugar, é un modelo de negocio que che permite conciliar facilmente. Ademais, o ambiente de traballo é moi agradecido e afable. O perfil de cliente é moi amplo, xa que abrangue dende nenos ata adultos. É idóneo como negocio familiar.

—Mirando ao futuro, onde che gustaría ver Pencil & Fork dentro de cinco anos e que papel queres que siga tendo A Coruña nesa expansión?

—Dentro de cinco anos, gustaríame ter consolidado o modelo de expansión en España e ter a Coruña como o escaparate de franquiciados. Ademais, gustaríame crear a fundación Pencil & Fork coa misión de fomentar a educación e ofrecer oportunidades de desenvolvemento profesional a persoas vulnerables. 

Comparte en redes

La información MICE de A Coruña en tu mail

Conoce todo lo que sucede en el mundo MICE de A Coruña, suscríbete a nuestro boletín.